![]()
VILAGARCÍA > Na investidura do novo presidente estiveron numerosas autoridades comarcais e galegas, como a conselleira de Política Territorial.
Co auditorio cheo, chegaron o novo presidente do porto de Vialgarcía e a conselleira de Política Territorial seguidos do anterior presidente, Jesús Paz, do alcalde de Vilagarcía, Enrique León e do subdelegado do goberno, Delfín Fernández. A eles se uniu o presidente de Portos do Estado que os acompañou no estrado.
Enfrente tiñan a tódalas autoridades locais e comarcais tanto civís como militares.
Entre os presentes estaban o capitán da Garda Civil, o comisario, o presidente da Deputación de Pontevedra, ex presidentes do porto vilagarcián, alcaldes de Arousa e moitos concelleiros da actual corporación e tamén da anterior. Tras tomar posesión do seu cargo, o novo alcalde felicitou ó presidente e comprometeuse a traballar conxuntamente polo ben do concello.
A continuación o novo presidente comezou o seu discurso cunhas palabras do fundador de Vilagarcía, García de Caamaño, nas que xa facía referencia á
importancia do porto na vila. Gago agradeceu esta nova responsabilidade que lle encomendan porque servirá, dixo, para seguir ‘traballando por Vilagarcía’ e comprometeuse a solucionar tódolos asuntos pendentes, como a instalación de Ros Casares ou o trazado do tren ó porto. Pola súa banda a conselleira de Política Territorial recordou tódalas obras que o seu departamento ten en marcha en Vilagarcía e que contribuirán a mellora-la competitividade do porto, como a estrada de acceso a variante norte, a autovía do Salnés ou o desdobre da estrada Vilagarcía-Pontevedra. Tralo acto, tódolos presentes desfrutaron dun ágape nos xardíns da sede portuaria.
Redacción Salnés






