O BNG explica o seu pacto co PSOE no concello de Vilagarcía

    pactovilagarcia_100_280607__still_001.jpgVILAGARCÍA > Os nacionalistas aseguran que se sentiron en certo xeito presionados ante o desacougo da sociedade vilagarciana…

    … polos problemas do PSOE para formar goberno. Ademais o BNG prefería esperar a acadar un pacto con Esquerda Unida, pero finalmente viron que aínda faltaba moito para iso.

    O tenente de alcalde de Vilagarcía, Castro Ratón, asegurou que non renuncia a contar con Esquerda Unida no goberno vilagarcián a pesares das declaracións feitas onte por esta agrupación e nas que descartaban formar un tripartito. Ratón dí non entende-los resquemores de Esquerda Unida pero asegura que traballarán para rematar con estas dúbidas e que a formación poida entrar no goberno.

    Mentres tanto o BNG quere poñerse a traballar de inmediato para rematar con esa sensación de parálise que estaba tendo a sociedade vilagarciana e que acelerou a firma do pacto de goberno. Castro Ratón asegura estar moi satisfeito co acordo e nega que o BNG saise beneficiado no reparto de áreas. Reitera a súa lealtade ó goberno local e ós vilagarciáns nesta tarefa que agora comezan a asumir e téndelle a man ó resto de forzas políticas para cumpri-las funcións que teñen por diante.

    Consello comarcal

    Por outra banda o responsable comarcal do BNG, Duarte Correa, asegurou que o Consello Comarcal valorou de xeito moi positivo este acordo que cumpre co dito pola agrupación: que ían ser garantía de gobernabilidade en Vilagarcía. O Consello Comarcal felicita á agrupación local polo traballo feito e por este acordo.

    Redacción Salnés