O Concello apraza as obras de Portonovo ata setembro

    obrasportonovo100_030707.jpgSANXENXO > O Concello decidiu aprazar as obras de humanización de Portonovo ata setembro. A medida adóptase, …

    … segundo o goberno local para non prexudicar ó turismo nestes meses de verán.

    Co ánimo de non prexudicar ó turismo local, o Concello de Sanxenxo decidiu paralizar ata setembro as obras de acondicionamento do casco urbano de Portonovo. Este paro afecta ademais ós traballos que se acometen no dominio público como a instalación de televisión por cable e as canalizacións de gas. O proxecto de humanización de Portonovo contempla a recuperación de 33 vías públicas, e dispón dun presuposto de 3,3 millóns de euros. A actuación consiste en mudar os pavimentos existentes por outros con materiais de maior resistencia, como xa fixo nos dous tramos da Rúa Independencia.

    A nova imaxe das rúas diferenciará os espazos para tráfico dos de peóns. Haberá un único carril de 2 metros e medio de ancho con adoquín envellecido, e as beirarrúas construiranse con lousas de pedra de granito. Ademais eliminarase o tendido aéreo de electricidade, telefonía e alumeado, que irán baixo terra. O proxecto inclúe tamén a reposición da sinalización e a renovación do saneamento e abastecemento. A intención do goberno local é que a nova cara de Portonovo se poida ver antes do próximo verán.

    Redacción Salnés