Rubén Lois interésase polas iniciativas turísticas de Arousa Norte

    inauguracioncampogolf_100_030707.jpgBARBANZA > O Director Xeral de Turismo, Rubén Lois, e o alcalde de Boiro, Xosé Deira, inauguraron o primeiro campo de golf da comarca do Barbanza.

    A todos nos é sabido que cada vez son máis os afeccionados ó golf. Por esta razón e co fin de atraer ós amantes a este deporte ata a comarca do Barbanza, dous empresarios: Víctor Rodríguez e Xosé Caramés, decidiron implicarse nesta aventura e construir un campo de golf na parroquia boiresa de Macenda, concretamente na antiga casa reitoral.

    Despois de chegar a un acordo co Arcebispado de Santiago, ó que lle arrendaron este espazo privilexiado por un período de 25 anos renovables, levaron a cabo unha importante transformación do lugar, investindo uns 300 mil euros, na súa mellora, e facendo un campo de golf de 18 buracos de categoría PAR-54.

    Durante a inauguración, Rubén Lois sinalou que este campo de golf vai significar unha nova oferta turística que contribuirá tamén a desestacionaliza-lo turismo.

    Pola súa banda o alcalde boirés e actual presidente de Arousa Norte, Xosé Deira, fixo referencia a que a apertura destas instalacións, cunha superficie de 75 mil metros cadrados, posibilitou a mellora dun espazo ata o de agora degradado para converte-lo nun lugar atraínte para o visitante.

    Tanto Xosé Deira como Rubén Lois, así como tamén o resto de autoridades que asistiron ó acto inaugural deste campo de golf, non dubidaron en probar e amosa-las súas habilidades neste deporte, que pouco a pouco está a atraer a máis persoas, deixando de lado esa arcaica consideración de que o golf era un deporte elitista e para ricos.

    Colaboración empresarial

    Posteriormente, Rubén Lois desprazouse ata o restaurante ‘A Terraza de Chicolino’ na Pobra, para coñecer a iniciativa turística promovida por Arousa Norte consistente en introducir produtos da industria conserveira no sector da restauración. O director xeral de turismo aplaudiu o proxecto que ten por obxectivo potencia-la calidade das conservas como un atractivo turístico máis. 

    Doce restaurantes e cinco empresas de conservas participarán neste proxecto impulsado pola Asociación de Empresarios Turísticos de Arousa Norte. Ademais de incluir determinados pratos preparados con conservas nas cartas dos establecementos hostaleiros, colocarase un expositor en cada un deles cun surtido de produtos conserveiros.

    Rubén Lois felicitou a Arousa Norte por esta iniciativa que, en definitiva, contribuirá a poñer en valor un produto ó que tradicionalmente non se lle daba importancia pola súa abundancia na comarca.

    Neste sentido, o director xeral de Turismo indicou que esta liña de asociacionismo e colaboración entre as empresas de distintos sectores contribuirá a converter o destino turístico emerxente de Arousa Norte nun referente consolidado a nivel estatal.

    Redacción Barbanza