O goberno da Illa fai un chamamento a súa veciñanza para que acuda ao cribado masivo do Sergas

A ILLA> Chamamento do concello da Illa de Arousa á súa veciñanza para que acudan ao cribado masivo. Dende o goberno local sinalan que é fundamental para reverter a situación realizar o maior número posible de probas. As análises terán lugar no aparcadoiro do Bao.

Toda a poboación da Illa de Arousa maior de 15 anos está convocada para participar nun cribado masivo sen precedentes na nosa comunidade. A difícil situación sanitaria que atravesa o municipio, con máis de 90 casos activos por covid 19, levou ao Sergas a citar a máis de 3663 persoas para realizar as probas.

O cribado permitirá coñecer con exactitude a incidencia da pandemia na vila.

Dende o concello consideran fundamental que toda a veciñanza acuda á convocatoria para reverter a situación.

As probas comezarán mañá para a poboación de entre 15 e 69 anos. Os usuarios están convocados no aparcadoiro do Bao para evitar que baixen do seu vehículo. No día de mañá terá que recoller os botes para as mostras de saliva e o sábado deberán entregalas. Ese mesmo día tamén se realizarán as probas PCR para toda a poboación maior de 70 anos. As análises serán efectuadas por un equipo formado por 12 profesionais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí