OUTES> Máis de 2’4 millóns de euros en investimentos. Este é o balance que fai o goberno outense despois de preto de dous anos á fronte do Concello.
Segundo informou o rexedor local son preto de medio cento de obras, algunha delas xa executadas ou cos traballos en marcha, e outras xa licitadas, que o goberno ‘saínte’ da moción de censura do vindeiro martes deberá afrontar.
Unha parte importante desas actuacións tiveron como finalidade a humanización de diversos espazos na propia vila da Serra como é o caso do acondicionamento da praza do Concello, a segunda fase da rúa A Capela ou a obra levada a cabo na rúa Doutor Esperante.
A estas dúas actuacións sumarase tamén en breve a obra da conexión do paseo fluvial da Horta do Muíño co centro urbano.
Tamén se realizaron obras de ampliación e renovación no céspede do campo de fútbol municipal, ou a substitución das luminarias, así como na casa de Cultura, que permitiron, ademais da mellora estética exterior do edificio, a reforma do auditorio, para gañar en visibilidade e comodidade do público.
Outra das actuacións pendentes será a prevista na planta alta do antigo colexio de Roo para convertela nun espazo multiusos e local de ensaio para as diferentes agrupacións locais.
En palabras do alcalde, Manolo González, son todas elas actuacións que non son froito da improvisación, senón do traballo e planificación levada a cabo durante este tempo polo goberno municipal.











