O Barbanza despide o entroido cos tradicionais enterros

RIBEIRA> O entroido vai chegando á súa fin no Barbanza. Aínda que son moitos os concellos que aínda programaron actividades para a próxima fin de semana, este mércores de cinza deixou algunhas das estampas máis tradicionais destas festa co enterro da sardiña, en Noia, e do Felipe, en Ribeira.

As comitivas fúnebres encheron este mércores as rúas de todo o Barbanza nos distintos enterros que dan a despedida ó entroido. En Ribeira, o Felipe percorreu a avenida do Malecón e a rúa peonil seguido dun séquito de viúvas desconsoladas.

A pesar dos choros, a música dos ‘Celtas da Baña’ conseguiu animar ós asistentes que escoltaron ó Felipe ata a praza dos Mariñeiros onde foi incinerado tras unha tirada de fogos de artificio. Ó remate tivo lugar unha desgusración de orellas, fillos e chocolate quente.

Tamén cunha chocolatada ás portas do Coliseo Noela arrancou o enterro da sardiña en Noia que tiña ademais carácter benéfico posto que tódolos fondos recadados coa venda de tiquets dun euro foron destinados á Cruz Vermella. Rematada a degustación o cortexo fúnebre iniciou o seu desfile polas rúas da vula ata o paseo marítimo onde tivo lugar a queima da sardiña acompañada tamén de fogos artificiais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí