Un cento de mulleres formaranse co Plan Integral de Emprego de Boiro

BOIRO> O concello de Boiro desenvolve por segundo ano consecutivo un Plan Integral de Emprego. Pero nesta ocasión irá destinado integramente a mulleres. Trala primeira fase de selección cubríronse as cen prazas ofertadas polo que as actividades formativas darán comezo xa en febreiro.

A próxima semana arrancarán as clases do Plan Integral de Emprego do concello de Boiro, aínda que está aberto a toda a comarca do barbanza. Un cento de mulleres, inscritas no servizo de demandantes de emprego, participarán nesta iniciativa que conta co financiamento da Xunta de Galicia e o Servizo Público Estatal de Emprego. O obxectivo é incrementar a capacitación profesional das mulleres para acceder ó mercado laboral.

O programa inclúe  módulos específicos en turismo, administración e xestión e industria alimentaria de produción e envasado. A maiores contempla accións formativas transversais como cursos de ofimática, internet e redes sociais, manexo de ferramentas TIC e mesmo obradoiro para a mellora das habilidades necesarias na busca de emprego.

Dende o Concello destacaron a importancia deste programa que na primeira edición conseguiu unha inserción laboral dos participantes dun 70%.

A formación presencial desenvolverase no Centro de Formación de Espiñeira e prolongarase ata o mes de novembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí