O Museo do Gravado de Artes entrega os XIII Premios Atlante

RIBEIRA> O Museo do Gravado de Artes acollía este pasado sábado, o acto de entrega dos galardóns do XIII Premio Atlante de Gravado.

Ó certame, un dos máis prestixiosos dos que se celebran en todo o ámbito nacional e mesmo internacional, presentáronse nesta edición unhas 210 obras, pertencentes a un total de 170 artistas de 19 países diferentes. Unhas cifras moi semellantes á de anos anteriores e que evidencia a repercusión que ten este certame incluso fóra das nosas fronteiras.

En total entregáronse cinco premios. O Premio Ramiro Carregal, dotado con cinco mil euros, foi para o madrileño Francisco de Santos coa obra, ‘Membrillos.

Tamén resultaron premiados co Atlante, a viguesa Yolanda Carbajales; o polaco Vinicios Sordi e a italiana Elisabetta Gomirato, que recibirán cada un, un premio de 2.500 euros. O xurado decidiu premiar tamén co premio Galicia Pedras de Santiago, dotado con dous mil euros, a Nerea Cordeiro, de Bueu.

A cita contou con numerosas autoridades, entre elas o vicepresidente da Fundación Museo do Gravado, e fundador do museo, Javier Expósito, que mostrou a súa satisfacción polo dinamismo do centro.

Tamén asistiu ó acto o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou a contribución do museo á proxección internacional de artistas.

Aproveitouse tamén o acto para proceder á inauguración da exposición con tódalas obras presentadas a esta edición do certame, que se poderá visitar no propio museo do 1 de outubro ó 1 de decembro.