Ribeira programa unha semana de actividades co gallo do Día de Rosalía

RIBEIRA> Co gallo do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o concello de Ribeira programou unha serie de actividades conmemorativas durante toda a semana. Un dos actos principais será a plantación dunha figueira doada pola Fundación que leva o nome da escritora.

O concello de Ribeira deseñou un amplo programa para celebrar esta semana o día de Rosalía.  O acto principal terá lugar o mércores 19 coa plantación dunha figueira nas inmediacións da Casa da Mocidade.

Ademais das actividades no ámbito educativo nas que os escolares levan traballando todo o mes de febreiro, o xoves 20 haberá unha gran festa para os cativos mentres que o venres 21 os usuarios da biblioteca municipal serán agasallados con flores.

O sábado 22 haberá un obradoiro de pandeireta e cantos baseados na obra de Rosalía a cargo de Jara Ortiz. O domingo a hostalería sumarase tamén a esta conmemoración co reparto de caldo de gloria nunha decena de locais.