Multitudinaria procesión en Cabo de Cruz para honrar á Virxe do Carme

    proceisonmaritimadocarme_100_160707.jpgBARBANZA > Os concellos do Barbanza, ó igual que outros municipios da ría de Arousa, celebraron a festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.

    Nalgúns deles non houbo procesións marítimas, como é o caso de Aguiño en Ribeira, sendo unha das excepcións Cabo de Cruz onde si se desenvolveu este acto cunha gran participación popular. En Rianxo decidiron celebrar esta tradicional procesión na xornada do domingo.

    A maioría das procesións marítimas na honra da Virxe do Carme da comarca do Barbanza coma no resto de Galicia volveron este ano a estar condicionadas polas restriccións impostas por Mariña Mercante ós propietarios das embarcacións participantes, a raíz da sentencia do ‘Saleta’, un barco de Aguiño cuxo armador foi condeado a pagar 300 mil euros de indemnización a un menor ferido durante unha procesión.

    Por esta razón a maioría dos propietarios dos barcos optaron por non poñer en perigo o seu futuro nin o das súas empresas, optando por non participar neste chamativo acto tan característico na nosa comunidade. É o que acontece en vilas como Aguiño e Ribeira onde outro ano máis non se celebrou procesión marítima.

    Multitudinaria procesión

    Todo o contrario aconteceu en Cabo de Cruz, onde a Confraría de Pescadores realizou tódolos trámites para que o acto se desenvolvera sen problemas. Dende primeiras horas da mañá grupos de gaitas e bandas de música percorreron ás rúas da localidade coas dianas e alboradas, ás que se uniron numerosos veciños.

    Posteriormente e xa preparados para a ocasión a maioría da xente desprazouse ata o recheo portuario para participar na multitudinaria misa solemne. Como en anos anteriores e debido á cantidade de persoas existente, a misa celebrouse nos locais da nova lonxa, e aínda así moita xente tivo que quedar fóra ó non poder entrar nas instalacións.

    Posteriormente os mozos que portaban a imaxe da Virxe do Carme iniciaron un percorrido ata o peirao, seguidos da comitiva de autoridades civís e militares, así como tamén dos numerosos veciños que non quixeron perderse a procesión polo mar na memoria dos seus familiares falecidos, realizándose a tradicional ofrenda floral na zona de Punta do Cabo.

    Os barcos estaban ademais engalanados para a ocasión, con bandeiras e flores, xa que era o día no que se lle tributaba unha merecida homenaxe á súa patroa. Na procesión pola ría de Arousa participaron un gran número de embarcacións cargados de xente, deixando unha bela estampa dende o peirao boirés.

    Redacción Barbanza