A concentración parcelaria de Saiar pasa pola súa última etapa

    saiarparcelaria_100_180707_001.jpgCALDAS > O delegado do Medio Rural de Pontevedra , Gonzalo Constenla, reuniuse esta mañá cos representantes veciñais da Xunta Local de Saiar …

    … para informalles de que a data límite de entrega das parcelas ós novos propietarios é o primeiro de outubro. Os veciños de Saiar, en Caldas de Reis, están cada vez máis preto de adquirir as súas novas parcelas tras anos de diálogo e traballo. Ó redor de 13.400 fincas dunha superficie media de 643 metros cadrados convertéronse trala concentración parcelaria en algo máis de 2.300 de ó redor de 3.000 metros cadrados cada unha.

    A data límite para a toma de posesión dos novos propietarios será o 1 de outubro. Isto non será así nas parcelas labradas pois estas non serán entregadas ate que os antigos propietarios recollan a colleita. Outro dos problemas cos que se atopan os veciños son as fincas con matoxos e árbores. Na reunión o delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, recordoulles ós propietarios que a tala de árbores non se pode levar a cabo sen o permiso da consellería de Medio Ambiente e recomendoulles que para solucionalo se chegue a un acordo entre os propietarios. Pese a isto só o 6 por cento dos recursos quedan pendentes de resolver.

    Os investimentos realizados pola Xunta de Galicia neste proxecto ascenderon a case 3 millóns de euros: 600.00 euros destinados a servicios técnicos coma a elaboración de planos e 2 millóns destinados á construcción de camiños e ó acondicionamento das fincas. A concentración parcelaria de Saiar rematará coa toma de posesión das fincas e coa mellora dos camiños secundarios que aínda está por facer.

    Redacción Salnés