![]()
VILANOVA > A vindeira semana rematarán as obras do entorno de Pontearnelas que serán inauguradas durante as festas de Santa Marta.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado por varios técnicos e polos alcaldes de Vilanova e Ribadumia, Gonzalo Durán e Salomé Peña, visitaron hoxe a zona onde se está acometendo o proxecto de mellora de Pontearnelas. En primeiro lugar supervisaron os traballos de construcción dunha rotonda na saída da estrada de Lobeira, xunto á gasolineira que permitirá mellora-lo tráfico neste punto conflictivo e ademais mellorarase a imaxe coa instalación dunha nova escultura que representará unha figura emblémática: a da polbeira.
A rotonda será inaugurada, xunto coa ponte dos Padriños e a nova pasarela peonil que cruza o Umia por debaixo da ponte de Santa Marta, o vindeiro sábado. Na Ponte dos Padriños eran hoxe evidentes os cambios. Varios operarios traballaban na colocación do adoquinado que lle dará a esta estrutura con cinco séculos de vida unha nova imaxe. Ademais a construcción da nova ponte permitirá reducir considerablemente o tráfico cando se reabra a vindeira semana.
Pasarela peonil
E a última parada do presidente provincial foi na pasarela peonil que se constrúe por debaixo da nova ponte de Santa Marta. Esta estructura estará tamén lista o vindeiro sábado, día no que a Deputación aproveitará para presenta-lo novo proxecto de seguridade vial na travesía de Pontearnelas. Unha última fase destas obras que cambiarán definitivamente a fisionomía urbana deste enclave compartido entre oso concellos de Vilanova, Ribadumia e Cambados.
Estrada de Ramirón a Xesteira
Pero ésta non foi a única visita do presidente da Deputación á comarca. A pasada noitiña estivo en Ribadumia para ve-las obras de acondicionamento e asfaltado da pista que une Ramirón con Xesteira. Un vial de aproximadamente dous quilómetros que une os concellos de Ribadumia e Meis. As obras consistiron na limpeza da estrada, ensanche nalgunhas zonas, canalización de augas pluviais e aglomerado. O orzamento foi de 98.000 euros. A alcaldesa Salomé Peña recordou que era un compromiso adquirido cos veciños de Lois e que se fixo de maneira inmediata debido ó mal estado do vial.
Redacción Salnés








