BARBANZA> Unha trintena de mozos do Barbanza recibirán formación laboral grazas ó programa ‘Emprego Mozo’ promovido pola Xunta de Galicia. Os concellos de Rianxo e Ribeira foron seleccionados para dar continuidade ós obradoiros de emprego para menores de trinta anos.
Ribeira e Rianxo desenvolverán dous obradoiros de emprego para a mocidade, no marco do plan de formación laboral para menores de trinta anos desenvolvido pola Xunta de Galicia. Estas dúas iniciativas, financiadas cun importe global de setecentos quince mil euros, permitirán formarse a trinta e un mozos barbanzáns ó tempo que dispoñen dun contrato de traballo remunerado durante os doce meses que duran os obradoiros.
Ó longo deste mes de xullo activaranse estes programas, unha vez realizada a selección dos participantes a través das oficinas de emprego. Ademais da idade terase en conta a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación. terán prioridade aqueles demandantes que non recibisen previamente atención por parte do sistema nacional de garantía xuvenil.
Para a selección dos programas a incluír nesta convocatoria, a Xunta priorizou aqueles presentados por concellos emprendedores e que tivesen relación coas novas tecnoloxías ou co tecido empresarial do territorio así como as posibilidades de inserción laboral.