![]()
RIANXO > O concello de Rianxo acollerá este ano a reunión anual dos ex-alumnos do antigo Colexio de Orfos do Mar de Panxón.
Manuel Galbán Sobradelo será o encargado de organizar este encontro que chega este ano a súa XXVI edición. Os actos darán comezo ás doce e media da mañá cunha misa na Igrexa Parroquial, para posteriormente realizar unha ofrenda floral diante do monolito na honra dos veciños falecidos no mar.
Manuel Galbán Sobradelo entrou no colexio de Panxón con tan só 11 anos despois da morte do seu pai. Alí conviviu con outros orfos de mariñeiros de toda España durante seis anos. Os seus compañeiros cos que comparteu a fame e os malos momentos, en plena guerra civil, son para Manuel os seus amigos de verdade. Por esta razón non é de extrañar que este rianxeiro se emocione cando fala da súa infancia e lle dea gran importancia ós actos organizados para o sábado.
Manuel Galbán encontrarase cos seus compañeiros ó redor das doce da mañá para dirixirse á igrexa parroquial onde está previsto media hora máis tarde celebrar unha misa que será oficiada polo bispo Cerviño. A continuación realizarase unha ofrenda floral diante do monolito na honra dos veciños falecidos no mar no Parque de Galicia.
Xantar de confraternidade
Posteriormente celebrarase unha comida de confraternidade no restaurante Casa Emilio de Catoria onde de seguro recordarán as anécdotas que viviron xuntos. Estes encontros véñense celebrando dende hai uns 25 anos e trátase dunha cita case obrigada para todos eles, cun gran valor sentimental a que acoden ó redor dunhas 40 persoas de toda España, acompañados dos seus familiares.
Manuel Galbán como organizador deste acto fixo un chamamento a todas aquelas persoas que residiron no Colexio de Panxón para que se acheguen a Rianxo este sábado co gallo de reencontrarse cos seus vellos compañeiros.
Redacción Barbanza







