A ABE prepara unha fin de semana especial cargada de descontos

BOIRO> A Asociación Boirense de Empresarios organiza dúas actividades co obxectivo de dinamizar as vendas. O venres celebrará o ‘Black Friday’ e o sábado, unha nova edición da ‘Noite Aberta’. Os establecementos participantes nas dúas campañas ofrecerán importantes descontos ós seus clientes.

A ABE presentou esta mañá dúas das campañas comerciais que desenvolverá esta fin de semana e na que participan os seus comercios asociados. O venres celebrarán o ‘Black Friday’ e o sábado a ‘Noite Aberta’.

Nesta última actividade tomarán parte uns 25 comercios que ofrecerán importantes descontos ós seus clientes. Este ano cunha novidade, xa que na campaña participará por primeira vez a hostalería.

Os locais participantes estarán identificados cunha bandeirola de cor rosa. Dende a patronal local aproveitaron o acto para facer unha chamada ó resto de comercios que non forman parte da asociación para que se asocien e así poder seguir realizando campañas deste tipo, que buscan darlle un maior pulo ó sector.

Dende o Concello ven con bos ollos este tipo de iniciativas.

O Concello decidiu tamén este ano coma novidade retrasar o acendido da iluminación de Nadal que nos últimos anos coincidía coa celebración da ‘Noite Aberta’. Será finalmente o sábado sete de decembro para darlle todo o protagonismo a este acto. Os encargados do acendido serán os usuarios da asociación Amicos.