‘El rey de las flores’ e ‘Purasangre’ foron as curtas gañadoras da XXII edición da Mostra de Noia

NOIA> O festival, que se veu celebrando na última semana, tivo este sábado o seu colofón, coa gala final e a entrega de premios. Os dous traballos son tamén as pezas seleccionadas deste certame para os Goya.

Noia volveu despregar esta pasada fin de semana a súa alfombra vermella para a gala final da Mostra de Curtas, que chegou este ano a súa 22 edición. O teatro Coliseo Noela quedouse pequeno para acoller esta gran cita do cine de pequeno formato onde se fixeron entrega tamén dos premios de cada unha das categorías a concurso.

A gala estivo conducida polo humorista Raúl Pérez, que fixo rir a esgalla ó público asistente coas súas imitacións. Pero o máis importante foron os premios. El rey de las flores de Alberto Velasco e Purasangre, de César Tormo, foron galardoadas como as mellores curtametraxes desta edición, na que se recibiron máis de mil traballos chegados dende diferentes países de todo o mundo. As dúas pezas serán ademais as representantes do certame nos Premios Goya.

Pero os premios non se quedaron aí. Carlos Quirós con Cineris, fíxose co premio á mellor curta Galicia Amateur.

A mellor curta de animación foi para Francia con Migrants, de Hugo Caby. O Premio Xosé Manuel Olivera “Pico” ó mellor actor recaeu en Steven Prescod pola súa actuación na curta Feeling Through.

E o premio a mellor actriz foi para Luisa Mayol e Carolina Román polas súas actuacións na curtametraxe Nuestros hijos, de Cecilia Gessa. Un film que foi recoñecido tamén polos asistentes co premio Especial do Público.

Votamos de Santiago Requejo fíxose co premio á mellor dirección e tamén co de Mellor Curta española.

O premio de mellor guión desta edición foi para Cinco Estrellas, dirixida por Roberto Jiménez e o Premio Honorífico recaeu na actriz Rosario Pardo, á que o festival recoñeceu a súa traxectoria profesional e a súa dedicación.

Pero un dos momentos máis emotivos da gala vivíase tamén coa entrega dun premio especial que non entraba no concurso, neste caso á organización da mostra por estes 22 anos de traballo continuo, representados na persoa de Moncho Vidal.

E como non…a gala rematou coa tradicional foto de familia con tódolos premiados enriba do escenario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí