![]()
VILAGARCÍA > Comezaron a servirse os primeiros pratos de bacallao na Praza da Peixería de Vilagarcía, onde este mediodía…
quedou oficialmente inaugurada a festa de exaltación deste peixe.
O xurel, o boquerón, a faneca ou a sardiña serán algúns dos peixes que este ano compartirán protagonismo co bacallao nas xornadas de exaltación que se organizan en Vilagarcía.
Precisamente a nova alcaldesa foi a encargada de inaugura-la sétima edición desta festa que contou como pregoeiro co ex concelleiro de Cultura da vila, Roberto Araújo, quen acudiu ás referencias literarias para canta-las excelencias do bacallao. Dende ‘La Celestina’ ata ‘El Quijote’ pasando por ‘Pinocho’, o bacallao aparece en numerosos textos dando boa conta da súa importancia ó longo da historia. O pregoeiro recibiu da organización, a Fundación Amigos de Galicia, un bacallao polo seu traballo. Pero na inauguración tamén estiveron o subdirector xeral de Ordenación do Turismo, Javier Valiño, e o novo concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, que destacaron a raigame destas xornadas.
O xantar oficial, ó que asistiron numerosos representantes da vida pública vilagarciana, abriu estas xornadas que se desenvolverán ata o domingo na praza da Peixería. Alí se poderá degustar ó mediodía e pola noite bacallao de nove formas diferentes, entre elas, ‘á vilagarciana’ unha receita propia de gran éxito e que custa once euros.
Redacción Salnés








