Os empresarios de Ribeira piden que se manteña un dos actuais pasos de peóns do Centenario

RIBEIRA> A Asociación de Empresarios de Ribeira demanda o mantemento dun paso de peóns entre a praza do Centenario e Miguel Rodríguez Bautista. O proxecto de reforma integral deste espazo contempla tan só un paso central, obrigando ós viandantes a dar un rodeo considerable para pasar dunha beirarrúa a outra.

A Asociación de Empresarios de Ribeira iniciou unha campaña de recollida de sinaturas instando ó concello a manter un paso de peóns entre a praza de Centenario e a rúa Miguel Rodríguez Bautista. No proxecto de remodelación da zona, actualmente en obras, figura tan só un gran paso de cebra central suprimindo o anterior, á altura da entrada do aparcadoiro. Entenden, dende a patronal, que isto implicará ter que dar unha volta considerable.

Ademais da petición formal que xa trasladaran ó executivo, os empresarios entregaron por rexistro as sinaturas recollidas. Agardan que o concello teña en conta as súas demandas posto que a existencia dese paso melloraría a accesibilidade sen interferir na seguridade e fluidez do tráfico.