A Corporación dá o visto bo á sociedade mixta Turismo de Sanxenxo

    plenosanxenxo_catalina_100_010807.jpgSANXENXO > O PP logrou o respaldo da oposición na aprobación da sociedade mixta Turismo de Sanxenxo. No pleno, …

    … celebrado onte, tamén se abordaron outros asuntos que xeraron un amplo debate, caso dos aparcamentos soterrados ou un protocolo de colaboración con Educación para construír dous novos colexios.

    A Corporación Municipal de Sanxenxo deulle o visto bo á constitución da sociedade mixta Turismo de Sanxenxo. A nova empresa, participada ó 75 por cento polo Concello e ó 25 por cento polo CETS, recibiu os votos a favor do PP, PSOE e VIPS, mentres que BNG abstívose pese a deixar claro que apoia esta iniciativa. De todos xeitos, os socialistas suxeriron a entrada nesta sociedade doutros gremios que viven do turismo e que non están representados no Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo. A alcaldesa afirmou no pleno que non descarta esta posibilidade.

    plenosanxenxo_oposicion_200_010807.jpgNa sesión de onte tamén se aprobou a adxudicación de dous aparcamentos soterrados. O de Portonovo logrou o respaldo de tódolos grupos agás o BNG que se abstivo porque cre que as prazas rotativas van ser insuficientes. En canto ó da Panadeira, tanto BNG como PSOE votaron en contra. Os nacionalistas cren que non é o lugar máis idóneo porque alí estaba o antigo cemiterio de Sanxenxo e tamén ve escaso o número de prazas en rotación. Os socialistas dubidaron que Costas lle vaia a dar autorización. Sen embargo, a alcaldesa asegurou que traballará para que este proxecto saia adiante e indicou que nas conversas que mantiveron con Costas non lles dixeron o contrario.

    Tampouco houbo acordo na aprobación do protocolo de colaboración coa Consellería de Educación para construír dous novos colexios, un en Dorrón e outro no Revel. O PSOE propuxo a construcción dun único centro e ó igual que o BNG criticou que o Concello teña que aportar a este convenio o 50 por cento do financiamento. A alcaldesa asegurou que Sanxenxo vive un momento de bos ingresos e que a prioridade é arranxar ambos centros, que están moi deteriorados.

    Redacción Salnés