![]()
CAMBADOS > A inauguración, no Paseo da Calzada, contou coa presenza do conselleiro do Medio Rural quen estivo acompañado do alcalde, José Manuel Cores Tourís, e dos presidentes da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, José Ramón Meiriño. Tamén estiveron o director xeral de Industrias Agroalimentarias, Antonio Santiago Oca e o delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constela.
Trala súa inauguración, a LV Festa do Albariño de Cambados prolongarase ata o domingo, 5 de agosto. Ata entón, os visitantes poderán degustar os viños de Rías Baixas, representados no Paseo da Calzada en 48 adegas que este ano participan na festa.
Durante a fin de semana celebrarase a XIX Edición Cata-Concurso ‘Rías Baixas-Albariño’ na que participarán 71 marcas. Só tres delas acadarán un dos prestixiosos premios que as situará entre os mellores Rías Baixas-Albariño de 2006, nunha colleita cualificada como excelente. Para iso, o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas contará cun panel de cata integrado por 23 expertos, entre os que se atopan trece catadores externos-sumilleres, xornalistas, así como cun catador internacional procedente de Estados Unidos. Os dez pertencerán ao panel de cata.
O Concurso transcorrerá por primeira vez no salón de actos do Parador de Cambados o sábado e domingo, 4 e 5 de agosto, en sesión de mañá. Será unha cata cega, na que durante o primeiro día os expertos seleccionarán os doce mellores viños, para ó día seguinte elixir os tres premiados.
Programa lúdico
Pero as festas inclúen tamén un importante programa lúdico con actuacións de Marlene Mourreau, e Yanko o día 2 de agosto dentro da Gala do Albariño. O venres 3, será o festival latino, no que estarán Michael Chacón, Mario Mendes e Santa Fe. E o sábado 4, actuación estelar de Paloma San Basilio ás 23:00 h. na Praza de Fefiñáns.
Redacción Salnés







