CAMBADOS> A paz no seo da Mancomunidade do Salnés non parece estar próxima. Os alcaldes socialistas non están dispostos a pagar, din, os custos da moción de censura. En rolda de prensa, hoxe anunciaron que non van facer ningunha achega para financiar a dedicación exclusiva da delegación de Turismo que, aseguran, o PP proporá para o independente José Aspérez. Non desbotan, incluso, unha saída parcial da Mancomunidade.
A moción de censura do pasado 23 de xaneiro na Mancomunidade do Salnés segue a traer cola. Hoxe os alcaldes do PSOE da comarca decidiron plantarse.
Refírense ao salario que, presuntamente, o Partido Popular quere conceder ao independente José Aspérez, en calidade de dedicación exclusiva polo seu papel como delegado de Turismo. Recordemos que o voto a favor de Aspérez foi decisivo para que a moción de censura froitificara e o PSOE perdera a presidencia.
Ante esta posibilidade, algúns dos alcaldes socialistas plantexan unha saída parcial da Mancomunidade, pagando tan só os servizos básicos mancomunados.
Os socialistas presentaron hoxe un escrito pedindo á secretaria da Mancomunidade que aclare con cargo a que partida se vai sufragar a dedicación exclusiva de Aspérez. Tamén solicitan que se pronuncie sobre a legalidade da manobra que quere realizar o Partido Popular situando á cambadesa Sabela Fole como vicepresidenta.
O que si desbotan os rexedores é continuar coa batalla xudicial para botar abaixo a votación da moción de censura.