As praias de Lavapanos e A Panadeira xa están abertas para o baño tras o verquido de fuel do Eliécer

    SANXENXO > As praias de Sanxenxo afectadas polo verquido de gasóleo tras o afundimento na madrugada do sábado ao domingo dun barco pesqueiro xa están abertas para o baño. Ás 12 desta mañá foron izadas as bandeiras verdes nos areais de A Panadeira e Lavapanos tras a visita do presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga.

    barco_300_060807__still_001.jpgO afundimento do barco pesqueiro Eliécer produciuse ó redor das tres da madrugada do domingo debido a un fallo no amarre da embarcación. O barco acabou escorado vertendo todo o combustible que portaba. Segundo a Consellería de Pesca tratouse dun verquido de 100 litros de gasóleo mentres que dende o concello afirman que foron 300 litros os que se espallaron no porto pesqueiro de Sanxenxo. A embarcación foi reflotada e remolcada ó redor das nove e media da mañá ate Combarro. Tralo incidente púxose rapidamente en marcha o protocolo de actuación entre salvamento marítimo, emerxencias de portos de Galicia e o servicio de xestión de emerxencia de Sanxenxo que despregaron barreiras absorbentes que acotaron o verquido dende o primeiro momento. Sen embargo, no día de onte podíanse ver carteis indicativos e bandeiras vermellas nas praias de A Panadeira e Lavapanos que impedían o baño como medida de precaución. Pese a isto a maioría dos veraneantes fixeron caso omiso das advertencias pola boa aparencia que amosaba a auga.

    Dende a consellería de pesca afirman que o verquido estivo controlado en todo momento e que non chegou ás praias. Segundo o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, a situación resolveuse rapidamente e esta mañá as praias de Sanxenxo volvían á normalidade.

    Nestes momentos dende o concello e dende a consellería de pesca afirman que xa está todo solucionado e que non queda nada máis por facer. Salvador Durán, concelleiro de Seguridade Cidadá, afirmaba esta mañá que ‘os areais nunca estiveron pechados’ e que a prohibición para bañarse era ‘como medida de precaución’. A partires das 12 deste mediodía nas praias de Lavapanos e A Panadeira xa ondeaban as bandeiras verdes.

    Redacción Salnés