Cambados arranca unha Festa do Albariño non exenta de polémica

    CAMBADOS > Cambados está dende hoxe na celebración da súa festa grande. Un festexo que coa súa edición número 56, é a festa de carácter gastronómica máis antiga …

    … de España. Un mérito polo que hoxe acudiron ata a vila arousá políticos das tres institucións galegas para apoiar o comezo da Festa do Albariño.

    Porén no arranque da festa esta mañá non faltou a polémica, logo de que o alcalde de Cambados criticase a ausencia do Presidente da Xunta. José Manuel Cores Tourís tamén se lamentou pola ausencia de subvencións para a realización da festa por parte das Consellerías que dirixe o PSOE. Unha crítica á que o Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, respondeu subliñando que os departamentos do executivo autonómico responsables deste tipo de actos, xa aportaron as correspondentes axudas.

    Lonxe de este cruce de acusacións entre Concello e Xunta o certo é que Cambados arranca hoxe a súa festa máis coñecida, que se prolongará ata o vindeiro domingo 3 de agosto. Centos de persoas percorrerán durante estes días o recinto feiral onde 44 adegas ofrecerán os seus mellores albariños da anada 2007. Unhas 64 adegas, a maioría delas da comarca aínda que tamén haberá algunha doutra subzona, participan este ano no concurso do Albariño. Esta é unha das catas máis prestixiosas de España, que será xulgada por 22 expertos do sector. Pero ademais de viño, estes días tamén haberá en Cambados concertos, verbenas, actuacións folclóricas ou competicións deportivas que velarán porque ninguén se aburra na vila durante as festas. De repetirse o éxito de edicións anteriores, entre unhas 200.000 e 300.000 persoas visitarán ó longo dos catro días principais dos festexos á capital do albariño. Polo de agora, todo apunta a que así sexa dado que tódolos hoteis do concello teñen colgado o cartel de completo.

    Redacción Salnés