O BNG denuncia o peche dun camiño público de acceso á praia da Mercé

    pecheaccesomerce_100_070807.jpgPOBRA > O BNG da Pobra vén de denunciar o peche dun camiño público que da acceso á cala da Mercé cun portal privado.

    O peche dun camiño de baixada á praia da Mercé cun portal privado é o último motivo de conflicto entre o BNG da Pobra e o goberno municipal. Para a formación nacionalista trátase dun tramo do antigo Camiño Real, continuación do que ven dende a escola da Angustia ata a estrada xeral e que continua dende onde se colocou o portal ata a praia.

    O concelleiro do BNG pobrés, Xosé Manel Casal, asegura que este é un dos principais accesos utilizados polos veciños da Angustia e da Mercé para acceder ás praias e co seu peche denégase o paso público a estes veciños. 

    O grupo municipal do BNG pobrés solicitou en varias ocasións que o camiño se incluira de oficio no inventario de camiños públicos do municipio, pero estas iniciativas foron desatendidas polo goberno municipal. Mesmo houbo unha recollida de sinaturas entre os veciños para que se recoñecese a titularidade pública do camiño, xa que había testemuñas do seu uso público e podíase tentar chegar a un acordo cos propietarios dos terreos colindantes. O concelleiro frentista asegura que o concello pobrés fixo oidos xordos destas peticións, antepoñendo os intereses particulares ós xerais de tódolos veciños.

    Sen embargo, os veciños dos terreos colindantes afectados non están dacordo con estas declaracións e amosaron ás nosas cámaras unha sentencia xudicial en firme na que se declara que non ten categoría nin de servidume e moito menos de camiño, polo que en ningún momento se lle podería considerar acceso público. O BNG pobrés é coñecedor desta sentencia, pero considera que o peche se puido levar a cabo por deixadez do goberno municipal.

    Redacción Barbanza