A Xunta di que haberá parque comarcal de bombeiros en 2008

    mendezromeu_lores100_080807.jpgPONTEVEDRA > O parque comarcal de Bombeiros podería ser unha realidade a principios de 2008. Así o esperan o Conselleiro…

    … de Presidencia e o alcalde de Pontevedra, que hoxe mantiveron unha xuntanza no Concello. Na entrevista tamén se achegaron posicións acerca da creación dunha área metropolitana Pontevedra – Vigo, que a Xunta espera ter constituída no prazo dun ano.

    bombeiros_pontevedra200_080807.jpgA comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra parece que ten visos de converterse en realidade. Disto falouse esta mañá no concello, onde o alcalde recibiu ó Conselleiro de Presidencia. Segundo indicou Fernández Lores, a Xunta ofrece agora un ‘plantexamento distinto’ deste proxecto e acepta a proposta do Concello de non aportar unha cantidade maior da que xa destina agora mesmo a este servizo. Segundo Lores, trátase de entre 1’5 e 1’8 millóns de euros. Ademais, ambos lembraron que na nova Lei de Emerxencias xa se especifica que a Deputación Provincial ten que financiar a parte que lle corresponde a concellos de menos de 20.000 habitantes, e que non teñen obriga de pagar.

    ‘Polo tanto – aclarou Lores – Xunta, Deputación e concellos con máis de 20.000 habitantes (Marín e Pontevedra) teñen que financiar a ampliación de persoal e material’. Para o alcalde de Pontevedra ‘agora hai vontade política de facelo, hai posibilidades económicas e esto ten visos de ser unha realidade nun prazo razoable de tempo’. O propio conselleiro adiantou unha data: ‘esperamos que a principios de 2008 sexa unha realidade a comarcalización do parque de Pontevedra e este mesmo mes trasladaremos un estudo global á Deputación tanto para Pontevedra, como para o resto da provincia’. O alcalde amosouse encantado con esta reunión e espera que ‘a Deputación se poña ó carro’.

    ÁREA METROPOLITANA

    Conselleiro e alcalde achegaron tamén posicións acerca do proxecto que pretende impulsar a Xunta para por en pé a área metropolitana Pontevedra – Vigo. Lores e Méndez Romeu coincidiron en que esta é unha das áreas máis dinámicas de Galicia e que precisa dunha planificación estratéxica conxunta, ademais de poder actuar con certa capacidade de xestión diante doutras administracións.

    O de hoxe foi un primeiro intercambio de opinións sobre as características desta área, o xeito de organizar as súas competencias ou financiamento, que seguirá nas vindeiras semanas ata que goberno aprobe un anteproxecto de Lei para a súa aprobación no Parlamento de Galicia. ‘O obxectivo – indicou Méndez Romeu – é que nun ano estea constituída’. Aínda que lembrou que está pendente fixar o ámbito territorial. Fernández Lores falou nun primeiro lugar de Pontevedra, Vigo e a comarca do Morrazo, pero non descartou a inclusión do Salnés.

    Redacción Salnés