As Comunidades de Montes piden o apoio dos concello un ano despois da vaga de lumes

    SALNÉS > Unha das zonas máis prexudicadas polos incendios do pasado verán foi o Castrove. Un ano despois este emblemático monte comeza a recuperarse dos importantes danos sufridos. Niso traballan a reo as comunidades de montes que botan en falla máis apoio das administracións locais. Precisamente o Concello de Poio reuniuse onte coas comunidades para comezar a traballar conxuntamente.

    montepoio_300_090807.jpgUn ano despois dos incendios que castigaron especialmente ó Castrove, esta zona comeza a recuperarse. Moitas comunidades empezaron xa os traballos de plantación aproveitando as axudas de Medio Rural e mudaron especies como o eucalipto por carballos e piñeiros.

    Pero a recuperación é moi lenta e tardará en verse o resultado, tal como comentaba Claudio Quintillán, presidente da Comunidades de Montes de Castrove. Anque o mal tempo de xullo axudou moito a evitar novos incendios, dende as comunidades cren que as replantacións e a limpeza dos montes efectuada a principios de verán por Medio Rural contribuíron a evitar unha nova vaga de lumes. Tamén consideran positivo que sexa a Xunta quen dirixa todo o operativo antiincendios.

    Críticas ós concellos

    Os comuneiros critican a lentitude da administración galega, que evitou comezar moito antes a primeira fase de repoboación. Anque as maiores críticas son para os concellos por non implicarse no coidado do monte, especialmente en lugares como Castrove de gran interese social e turístico.

    Reunión en Poio

    reunioncomunidadesmontepoio_300_090807__still_001.jpgPrecisamente onte varios directivos das comunidades de montes de Poio tiveron unha xuntanza no Concello co novo concelleiro de Medio Ambiente. Entroutros temas, falaron precisamente da colaboración en materia forestal. Os comuneiros trasladáronlle ó goberno local o seu malestar pola falla de apoio dos concellos e pediron unha maior implicación no mantemento do monte.

    A xuntanza serviu como unha primeira toma de contacto entre os presidentes das comunidades de montes de Poio e o novo concelleiro de Medio Ambiente, o socialista Gregorio Agís. Con el estaba tamén a tenente de alcalde Consuelo Besada, quen recordou que esta xuntanza era un compromiso electoral do Psoe, o mesmo que a creación do Consello de Medio Ambiente, un organismo que implicará ó Concello, ós presidentes das comunidades de montes e ó do Consello de Participación Veciñal.

    Este órgano serviría para manter unha colaboración fluída entre a administración e as comunidades e resolver conxuntamente os problemas, algo que pedían os comuneiros. Anque dende o concello recordan que sempre colaboraron con maquinaria, esperan que agora se poida ofrecer outro tipo de axuda, como mante-la vixiancia dos montes durante todo o ano para evitar vertidos e outros problemas que presentan. En Poio hai actualmente cinco comunidades de montes: a de San Salvador, San Xoán, Combarro e dúas en Samieira.

    Redacción Salnés