Aguiño honra á Virxe do Carme no día grande das súas festas

RIBEIRA> Varias localidades do Barbanza celebraron hoxe actos na honra da Virxe do Carme. Uns dos máis especiais vivíronse en Aguiño onde os veciños puideron acompañar á patroa dos mariñeiros a bordo dun catamarán fletado polo concello.

A localidade ribeirense de Aguiño viviu hoxe o día grande das súas festas do Carme. Trala misa solemne, a patroa dos mariñeiros saíu en procesión acompañada dunha multitudinaria comitiva encabezada polo alcalde e o patrón maior.

Moitos veciños e visitantes agardaban no porto a chegada da Virxe para vela embarcar e, mesmo, acompañala no seu percorrido marítimo.

O concello habilitou un catamarán con 200 prazas para que os veciños puideran participar na procesión. Ademais dos que tiveron a sorte de conseguir embarcar, ducias de embarcacións saíron tamén en procesión para render homenaxe á patroa dos mariñeiros nunha xornada moi emotiva que pon o mellor broche ás festas de Aguiño.