Máis de 25 mil visitantes consolidan a feira de oportunidades de Boiro

    boiroferta_100_130807.jpgBOIRO > A segunda edición da Boiroferta pechouse cun éxito total de público. A organización cifra a asistencia en preto de vintecinco mil persoas.

    O domingo pechábanse as portas da segunda edición da Boiroferta, a feira de oportunidades organizada pola Asociación Boirense de Empresarios, con total éxitro de participación. A organización estima que unhas vintecinco mil persoas pasaron entre o venres e o domingo ata ás once da noite, hora do peche oficial das portas, pola carpa da Boiroferta, que estaba instalada en Praia Xardín, o que puido provocar unha maior afluencia de visitantes á mostra cos bañistas que alí se atopaban.

    Na carpa, preto de corenta comercios de Boiro ofrecían oportunidades de todo tipo, especialmente en textil, pero tamén en calzado, decoración ou artigos para o fogar.

    Esta avalancha de xente fai pensar en positivo ós directivos da ABE, que xa están proxectar a vindeira edición da Boiroferta, na que esperan que se aumente o número de comercios participantes.

    Pero tamén lles serviu para tomar nota dalgunhas deficiencias e tentar mellorar algúns aspectos organizativos de cara ó vindeiro ano, como pensar en poñer aire acondicionado na carpa, para que as compras se poidan facer con maior comodidade. Ou pensar nun recinto de maior tamaño, en vista do maior número de comerciantes que prevén, pero sempre co sistema de carpa, como o utilizado nestas dúas edicións.

    O mellor día para os comerciantes foi sen dúbida o domingo, cando os clientes non deixaron pasar un só momento sen acudir á Boiroferta, incluso ás horas do mediodía a xente aproveitou para votar un vistazo a tódalas gangas expostas.

    Tal foi o volume de ventas, que varios dos postos tiveron que repoñer a mercancía que destinaran para a feira.

    Redacción Barbanza