Milleiros de persoas gozaron das festas gastronómicas do Salnés

    inauguracionalbarousa_100_130807__still_001.jpgO SALNÉS > En Vilagarcía levan xa catro días celebrando Albarousa. Pero tamén na Illa, Vilanova e Noalla houbo degustacións variadas estes días.

    Albariño e produtos típicos de Galicia centran a oferta de Albarousa. A feira abría as súas portas por primeira vez hai xa 26 anos e hoxe está plenamente consolidada no calendario festivo galego como recordou o propio organizador, Antonio Neira, quen fixo un repaso por tódolos avatares que viviu a mostra.

    Xunto co máximo responsable de Albarousa estiveron na inauguración a alcadesa de Vilagarcía, o vicepresidente da Deputación, José Juan Durán e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Meiriño. Todos puideron desfrutar dalgún dos viños que ofrecen as 55 adegas artesanais que participan na mostra que a rexedora destacou pola súa importancia nas Festas de Vilagarcía.

    Pero ademais o evento ofreceu ós asistentes suculentos pratos elaborados de forma tradicional, boa música e a posibilidade de colaborar con distintas asociacións non lucrativas que expoñen e venden os seus produtos na propia praza da Peixería onde continuará Albarousa ata o día 20 deste mes de agosto.

    Mexillón e produtos do mar

    E mentres en Vilagarcía comezaba Albarousa, na Illa celebraban dúas citas gastronómicas esta fin de semana. A Asociación Cultural e Deportiva Dorna foi a encargada de organiza-la Festa do Mexillón que este ano cumpriu 16 anos. A carpa situada no peirao do Xufre estivo aberta durante toda a fin de semana ofrecendo racións deste molusco a prezos populares que oscilaban entre os 3 e os 3 euros e medio.

    Centos de persoas se achegaron ata alí para degusta-los diferentes pratos en compaña do bo viño da terra. Moitos deles chegaban dende diversos puntos do país e incluso dende o estranxeiro e todos deixaban constancia do bo que estaba o produto. Ademais da degustación, no Xufre houbo unha exposición e un concurso gastronómico sobre o mexillón.

    Pero a do mexillón non foi a única cita gastronómica da Illa. No paseo do Cantiño tiña lugar a Festa Gastronómica do Mar que se desenvolverá durante tódalas fins de semana de agosto. A organización espera supera-las 18.000 persoas do ano pasado e vai por bo camiño porque nesta fin de semana as carpas de degustación estiveron cheas. Ademais os 8 postos, nos que traballan outras tantas cociñeiras, traballaron arreo os dous días servindo, entroutros produtos festadaostra_300_130807__still_002.jpgdo mar, polbo, navalla, berberechos, camaróns e o prato estrela, as sardiñas á brasa. O recadado con esta festa irá destinado ós 11 equipos de fútbol do Céltiga.

    Festa da ostra

    Os que preferiron proba-las ostras, optaron por ir ata Sanxenxo, onde a Festa da Ostra de Noalla repartiu en dous días máis de 20 mil unidades. Anque non foi o único que degustaron os que se achegaron ata alí, porque este ano tamén se incluiron outros produtos como navallas, arroz con marisco, polbo á feira, langostinos, churrasco, sardiñas e empanada. Os prezos oscilaron entre os 6 e os 8 euros e a festa estivo amenizada por varios grupos folclóricos, como Airiños da Lanzada e a Asociación Cultural Os Cruceiros de Vilalonga.

    Redacción Salnés