Dous novos incendios intencionados calcinan varios contedores do lixo no centro da Pobra

A POBRA> Preocupación na Pobra ó rexistrarse de madrugada dous novos incendios en colectores no casco urbano. Non é a primeira vez que se producen este tipo de lumes intencionados en varios puntos do municipio.

O primeiro dos lumes producíase ás tres da madrugada nun contedor da céntrica rúa María Mariño en pleno casco urbano da Pobra. Tras extinguir as lapas os bombeiros do parque de Ribeira recibían un novo aviso pasadas as catro e media, doutro contedor de lixo ardendo nunha zona próxima, na rúa Unión.

Trátase a todas luces de accións intencionadas e repetidas posto que hai varias semanas, o lume calcinou por completo catro contedores na rúa Fernández Varela. Días antes tamén se rexistraran incendios en varios contedores das rúas do Castelo, San Roque e Rafael Dieste.

A Garda Civil e a Policía Local da Pobra traballan xa sobre diversas liñas de investigación para dar co autor ou autores destes actos que, ademais de alarma social, xeran importantes gastos ó concello.

As forzas de seguridade agardan que nas próximas semanas se produzan avances para identificar ós autores e poñer fin a estes sucesos que manteñen en alerta á veciñanza.