![]()
RIBEIRA > A recente prohibición decretada polo executivo local de baixar animais á praia de Coroso desatou as críticas dun grupo de veciños.
O paseo marítimo de Coroso é unha das zonas de lecer de Ribeira con máis afluencia de veciños e visitantes que adoitan pasear por esta área recreativa a carón da praia. Moitos deles, o fan compañados das súas mascotas, que ata o momento podían correr libremente polo paseo. Sen embargo, hai unhas semanas que o concello prohibiu a presenza de cans soltos así como o seu paseo, tanto atados como libres, pola zona de praia. Esta medida xerou un importante malestar entre os veciños que soen frecuentar o paseo marítimo posto que xa non dispoñen de ningunha zona en todo o concello para pasear ós animais.
Singular protesta
Co fin de que as súas reivindicacións sexan atendidas polo executivo local, o colectivo de afectados manifestouse esta mañá diante do concello. Trala súa protesta, entregaron un escrito no rexistro do concello solicitando unha solución para a problemática xerada tras esta prohibición, como pode ser o establecemento de horarios para o paseo ou que se acote unha zona de praia reservada a este fin.
Responsabilidade da Xunta
Dende o concello, sosteñen que a prohibición non depende do executivo local senón que é responsabilidade da administración autonómica, quen ten as competencias de xestión no litoral. Aínda así, os afectados esixen unha solución e pensan adoptar novas medidas de presión no caso de non ter unha resposta favorable da administración.
Redacción Barbanza










