A conselleira do Mar destaca a Jealsa coma un dos referentes da cadea mar-industria en Galicia

BOIRO> Acompañada da dirección da empresa, do alcalde, José Ramón Romero, e do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou esta mañá unha visita institucional á fábrica principal de Jealsa emprazada no Bodión.

Durante a visita a responsable autonómica tivo ocasión de coñecer o día a día da firma, os seus procesos produtivos e tamén os principais proxectos que está desenvolvendo actualmente a empresa, unha das líderes mundiais na produción de conservas.

Durante o percorrido que realizou polas instalacións a Conselleira coñeceu tamén os avances das novas instalacións e os investimentos que a compañía está a realizar, enmarcadas na súa estratexia de crecemento, modernización e mellora continua.

Segundo informaron fontes da propia conserveira estas actuacións permitiralles reforzar a súa capacidade industrial, incorporar novas tecnoloxías e avanzar en eficiencia e sostenibilidade, ó tempo que consolidan a sú aposta por Galicia como un dos territorios estratéxicos para o desenvolvemento da súa actividade.

neste sentido cabe lembrar que Jealsa destinou nestes últimos anos uns 40 millóns de euros a diversos  investimentos, dos que máis do 75% foron a parar as súas plantas en Galicia.