Educación dotará a Noia dunha sección da Escola Oficial de Idiomas

NOIA > Noia contará a partir deste curso escolar 2007-2008 cunha sección da Escola Oficial de Idiomas. O novo executivo viña de presentar esta iniciativa, moi demandada pola poboación noiesa, na última sesión plenaria.

Os dous institutos da vila de Noia xa viñan impartindo o curso “That’s English” dende hai uns anos, dentro do programa de potenciación de linguas extranxeiras entre os seus alumnos.

Esta iniciativa tiña moita demanda e creaba expectación entre o resto da poboación, polo que se solicitou a creación da sección permanente da Escola Oficial de Idiomas en Noia, para así poder dar este servicio a tódolos noieses.

Esta sección ubicarase nas instalacións do instituto Virxe do Mar, xa que este era o centro que contaba con máis alumnos participantes no programa de potenciación de linguas extranxeiras, pero os profesores xa non serán deste centro, senón mestres propios da Escola Oficial de Idiomas.

Inglés e francés

Neste primeiro curso de implantación da sección só se ofrecerán os módulos de inglés, pero segundo as conversas mantidas polo concelleiro de Educación, Lino García, co Director Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, é moi probable que no vindeiro curso académico comecen xa a impartirse os módulos de francés.

No 2007/08 só se impartirán os dous cursos do nivel básico e o primeiro do intermedio e no vindeiro curso pasarán a impartirse definitivamente os tres niveis, básico, intermedio e avanzado cos seus seis cursos.

Esta sección dependerá da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, pero se chega a haber unha grande demanda por parte da poboación de Noia e comarca, pódese pensar na creación dunha para a vila, con infraestructuras propias. Os alumnos que desexen inscribirse na sección da Escola Oficial de Idiomas de Noia poderán facer todos os trámites administrativos dende a propia vila, pero aínda non se coñece os prazos.

Redacción Barbanza