A Illa prepárase para vibrar cos ritmos do Atlantic Fest

A ILLA> A Illa de Arousa prepárase para vibrar coa mellor música coa terceira edición do Atlantic Fest. O evento musical amplía este ano a súa capacidade, para garantir unha maior comodidade dos seus asistentes. Ó festival, caracterizado polo seu ambiente familiar, acudirán artistas do talle de La Casa Azul, The Vaccines, Christina Rosenvinge ou Iván Ferreiro.

Cun cartel ateigado de nomes destacados do panorama musical, cun gran respaldo do público e con máis forza que nunca chega o Atlantic Fest. A cita musical, que se celebra na Illa de Arousa entre o 20 e 22 de xullo, multiplica por dous o seu espazo, non para acoller a máis xente, senón para garantir unha maior comodidade das persoas que asistan.

A terceira edición do Atlantic mantén a súa esencia: sobre as táboas bandas internacionais, estatais e tamén moito talento galego. O festival é un dos sete grandes eventos musicais que compoñen o Rías Baixas Fests, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Para o deputado de turismo, este tipo de eventos contribúen ó desenvolvemento local e a dinamiza-la cultura.

Na presentación do Atlantic, o alcalde insular pon en valor o gran esforzo que implica organizar un evento destas dimensións. O rexedor aproveita para facer un convite a todos os festivaleiros para que descubran algún dos infinitos recunchos que agocha A Illa.

As tres xornadas do festival, a Illa vai vibrar con bandas do talle de La Casa Azul, Papaya, The Vaccines, Caxade, Christina Rosenvinge ou Iván Ferreiro. Os concertos intercalaranse en varios escenarios situados na contorna da Praia do Bao, o que permite complementa-las xornadas con actividades naúticas ou simplemente un chapuzón. Ademais, tanto na xornada do venres como na do domingo haberá concertos en varias prazas da vila. Na primeira das xornadas tamén haberá actuacións no Auditorio Municipal, ós que só se poderá asistir cunha invitación previa, vinculada ó abono do festival.