Alfonso Vilar e a firma automovilística Audi, cebolas de ouro 2007

    feiradacebola_100_040907_-_still_001.jpgSANXENXO > O municipio celebrou o día grande de Santa Rosalía coa tradicional Feira da Cebola que cumpre 25 anos.

    Sanxenxo viviu no día de Santa Rosalía unha das xornadas máis calurosas do verán, o que non foi inconvinte para que centos de persoas visitasen a Feira da Cebola instalada na praza dos Barcos. Entre elas estaba boa parte da corporación municipal encabezada pola alcaldesa que estivo acompañada en todo momento polos premiados deste ano coa cebola de ouro: o escultor Alfonso Vilar e a firma automovilística Audi.

    Cebolas de Ouro

    feiradacebola_alfonsovilar_200_040907_-_still_002.jpgAlfonso Vilar, autor de obras tan emblemáticas como a Madama de Silgar ou a Familia Mariscadora do Grove, recibiu o galardón moi emocionado e agradeceullo directamente á alcaldesa, que foi a encargada de impoñerlle a insignia. Nado en Vilalonga, no ano 1927, Alfonso Vilar comezou a súa labor artística conseguindo unha bolsa concedida pola Deputación de Pontevedra. Anos máis tarde desprazouse a Santiago para realizar un curso de escultura tendo como profesor ó mestre Francisco Asorey e matriculouse na escola de Belas Artes San Fernando de Madrid, coincidindo con escultores da categoría de Juan Cristóbal ou Pedro Comendador. Foi mestre na escola de canteiros de Poio entre os anos 1977 e 1992.

    Audi recibiu a Cebola de Ouro pola promoción que fai cada ano do municipio coa regata Desafío Audi e coa escola infantil de Educación Vial. Recolleu o premio Pablo Briales, responsable de Audi en Galicia en nome de Jesús Gasanz, director da División Audi.

    Premios

    Pero ademais das Cebolas de Ouro, repartíronse os premios á cebola máis grande, que pesou este ano un quilo 826 gramos. Recolleu o premio, 300 euros e una figura de Sargadelos Manuel Gómez Agís de mans do presidente do xurado, Juan José Maquieira.

    A rista máis longa foi a de Yudite do Reis Fernández. Mediu 131 metros e levou tamén 300 euros e unha figura de Sargadelos que lle entregou a concelleira de Cultura, Paz Lago. feiradacebola_escultura_200_040907_-_still_002.jpgE o mesmo premio recibiu Encarnación Cacabelos Domínguez na categoría de composición artística máis orixinal. A súa figura é a que representa ‘O río do Vinquiño’ e que colleitou numerosos eloxios, a pesares de que a competencia era moita xa que había esculturas realmente orixinais e complicadas.

    A alcaldesa de Sanxenxo agradeceu o traballo de todos, simbolizado no colgante que luciu ó longo da mañá. A festa rematará co tradicional espectáculo de ruído, luz e color que incluirá fogos acuáticos. Dispararanse 800 quilos de explosivos a partir das doce da noite que se poderán ver dende todo o paseo marítimo de Silgar e que durarán máis de 25 minutos.

    Redacción Salnés