Vivenda comprométese a remata-las vivendas de Xarás en outubro de 2008

    vivendasociaisxaras_100_100907.jpgRIBEIRA > O director xeral do IGVS anunciou o compromiso do seu departamento de ter rematadas as vivendas socias de Xarás en outubro do próximo ano.

    Segundo informou o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, as vivendas sociais de Riberia podería estar rematadas de cara a finais de 2008.

    As obras destes edificios levan paralizadas varios meses, despois de que a Xunta de Galicia decidira rescindi-lo contrato á empresa adxudicataria por incumprimento dos prazos. A rescisión do contrato non se realizou formalmente ata o pasado 12 de xullo, cando se procedeu á liquidación dos traballos realizados ata o momento.

    Licitación urxente

    Agora, a Consellería de Vivenda vén de contratar a redacción do novo proxecto que terá que estar finalizado antes do mes de novembro, para sacalo a licitación pola vía de urxencia, cun orzamento de 1.245.000 euros.

    O prazo aproximado de execución será de dez meses, aínda que fontes da Consellería de Vivenda, sosteñen que podería acurtarse, fixando o horizonte tempioral en outubro de 2008 para o remate definitivo das vivendas.

    Pregunta parlamentaria

    Daniel Pino aportou esta información no transcurso dunha sesión parlamentaria na que se incluía o debate sobre a pregunta presentada polo deputado Xosé Manuel Lage, que en reiteradas ocasións ten amosado o seu interese polo estado destas obras.

    Para o deputado socialista, a promoción de vivenda protexida constitúe un dos piares básicos da política da Xunta polo co fin de facilitar o acceso a unha vivenda digna a tódolos cidadáns.

    Redacción Barbanza