RIBEIRA> O proxecto presentado polo Concello foi un dos seleccionados en Galicia con cargo ós fondos europeos Next Generation.
Converter a Ribeira nun destino emerxente. Este é un dos obxectivos do Plan de Sostinibilidade Turística en Destino presentado esta mañá, que lle foi concedido ó municipio con cargo ós fondos europeos Next Generation.
En total, preto dos dous millóns de euros. O plan segue as catro grandes liñas de planificación turística como son sostinibilidade, accesibilidade, eficiencia e dixitalización.
O proxecto, que deberá executarse no periodo 2022-24, engloba un total de quince accións a desenvolver, entre as que se inclúen a rexeneración e posta en valor do entorno litoral do municipio, a recuperación do patrimonio etnográfico e a creación de produtos turísticos que destaquen os principais atractivos do municipio.
A creación do Museo del Mar, a humanización do entorno do Faro de Corrubedo e a creación dun miradoiro e punto de interpretación da paisaxe en Punta Castro serán tamén algunhas das actuacións contempladas neste Plan.
Dende a Xunta destacaron a importancia deste proxecto, un dos mellor valorados polos técnicos, o que lle permitiu ser un dos seleccionados. Para o Vicepresidente, Alfonso Rueda, proxectos coma este contribúen a enxalzar o turismo tranquilo en contacto coa natureza e respectuoso co entorno que Galicia xa ofrecía e que converteu a esta Comunidade en destino de moda este pasado verán.