Rianxo promociona o seu potencial a través da creación audiovisual

RIANXO> O concello de Rianxo vén de poñer en marcha un innovador proxecto audiovisual co fin de construír unha imaxe colectiva da vila. Ademais de creadores profesionais participan na iniciativa cidadáns anónimos que aportan, a través de pezas audiovisuais, a súa particular visión de Rianxo. Recoñecidos creadores rianxeiros como Raquel Ramos, Duarte Galbán, Román Castaño, Fran Rodríguez, Esther Carrodeguas, Sabela Galbán ou RAúl Gil xa realizaron a súa achega ó proxecto ‘Mira Rianxo’ que vén de poñer en marcha o concello. Xunto a eles, destaca tamén a colaboración doutros persoeiros, vinculados a Rianxo, como SES ou Antón Riveiro que aportan tamén o seu grao de area como embaixadores do potencial turísitco, cultutal e patrimonial da vila. Ademais da promoción da vila, este proxecto busca dinamizar a creación audiovisual na vila que conta con destacados profesionais. Mira Rianxo inicia agora a súa andaina pola rede. A través do dominio mirarianxo.gal poden non só visionarse as creacións deste proxecto senón aportar novos contidos que conformen unha mirada colectiva de Rianxo.