Manuel Tomé aposta por un novo equipo para desbloquea-lo PXOM

pxomportodoson_100_110907.jpgPORTO DO SON > O alcalde de Porto do Son, Manuel Tomé, quere sacar adiante o PXOM do concello, que agora mesmo se atopa paralizado pola Xunta.

O borrador que se enviara a Política Territorial foi rexeitado por conter unha serie de obxeccións, que o ente autonómico instou ó concello a corrixir. Agora Tomé Piñeiro quere conformar un novo equipo urbanístico para sacar o plan do estado no que se atopa. 

Neste novo equipo urbanístico ademais do propio alcalde sonense e a concelleira de urbanismo, María Jesús Paz Santamaría, están tamén o arquitecto municipal e o asesor urbanístico do concello.

Revisión total

Este equipo tentará facer unha diagnose da situación do anterior PXOM para saber por onde se poden empezar as correccións. Manuel Tomé reuníuse persoalmente co Director Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, para que lle fixera unha valoración do actual documento. Lueje Espina díxolle ó mandatario sonense que o PXOM tiña que ser revisado na súa totalidade, porque eran demasiados os erros que contiña.

O Director Xeral de Urbanismo instou ó alcalde a adaptalo tamén ás actuais lexislacións, como a Lei do Litoral, que no caso de Porto do Son ten unha gran influencia, ó ser un concello de moita extensión costeira.

Desde o goberno municipal do Son apóstase por manter informada a toda a corporación no caso do PXOM, para que así poidan facer as súas propias aportacións e axudar a melloralo e sacalo deste estado de paralización no que se atopa.

Redacción Barbanza