O SALNÉS> O bo avance da pandemia xa repercute na redución das restricións nos concellos da nosa contorna. Xa non quedan municipios no nivel máximo e no alto tan só permanecen O Grove e Meis na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Ademais, o comité clínico tamén decidiu esta mañá ampliar a marxe na hostalería, aumentando os aforos. Este reaxustre chega trala decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de rexeitar o certificado covid para acceder ao interior dos establecementos.
O Grove e Meis son os únicos concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que permanecen no nivel alto de restricións. Na de Santiago e Barbanza non queda ningún, despois de que o comité clínico constatara esta mañá o bo avance da pandemia.
No nivel medio estarán Ribeira, Rianxo e Boiro, da área sanitaria de Santiago, e Portas, Cambados, Vilagarcía, A Illa, Catoira, Caldas, Pontevedra, Sanxenxo e Poio da área de Pontevedra e O Salnés.