VILANOVA> Illan en Vilanova unha quincena de peregrinos portugueses por posibles casos de coronavirus. O grupo chegou onte ao concello, e xa no albergue detectáronlles temperaturas por enriba dos 37 graos. Tras activar o protocolo preventivo, todos os tests foron negativos.
Un grupo de peregrinos portugueses fixo saltar onte todas as alarmas no concello de Vilanova. Como está establecido no protocolo, ao chegar ao albergue do municipio tomáronlles a temperatura, e detectaron que en varios era superior aos 37 graos.
O grupo foi derivado entón á pista grande do pavillón, que comparte instalacións co albergue. O alcalde, médico de profesión, desprazouse ata alí e, equipado cos medios de seguridade, volveu tomarlles a temperatura. Tras corroborar os valores iniciais, deron parte ao Sergas que activou o protocolo preventivo COVID.
Os sanitarios realizaron probas PCR a 13 deles, que presentaban síntomas compatibles coa COVID-19. Pouco antes da medianoite, os tests descartaban esta infección. A primeira hora de hoxe, validouse este resultado.
Tralo susto inicial, os peregrinos puideron continuar hoxe o seu camiño cara o albergue da Armenteira, en Meis. Gonzalo Durán destacou a rápida posta en marcha do protocolo.
Segundo Durán, a febre que presentaban os peregrinos debeuse a un principio de insolación. O grupo colaborou en todo momento, tanto co persoal do concello como cos sanitarios que os atenderon.