Os veciños de Castroagudín están en pé de guerra polas obras da variante norte

    VILAGARCÍA > Tentaron ser escoitados e tentaron paraliza-las obras. Pero non o conseguiron. Agora a súa única esperanza é que os políticos, por unha vez, os axuden e freen o que sería unha auténtica desfeita para eles e para a súa parroquia. O que máis lles preocupa arestora é a gran bóveda que cruza a estrada do Vento e perda dos regadíos.

    denunciavecinoscastroagud_300_190907_-_still_004.jpgAlarmados e en pé de guerra. Así están os veciños de Castroagudín, en Vilagarcía que ven como as obras da variante norte van cambiar totalmente o seu modo de vida.

    Segundo o voceiro dos veciños, Julián Abuín, a obra da circunvalación vai a complicarlles o paso por diferentes lugares e podería incluso supor a perda dos regadíos. Pero o que máis lles asusta é o trazado sobre a estrada que vai de Castroagudín ó Vento. O proxecto que coñecían os veciños non é o que se está executando, xa que os planos recollían un viaducto e o que se está facendo é unha tremenda bóveda que, ademais, levará un recheo de 6 metros. Iso converterase nun gran muro de 15 metros que aillará completamente á aldea.

    denunciavecinoscastroagud_300_190907_-_still_002.jpgOs veciños trataron de falar co encargado da obra, pero non conseguiron nada, polo que se dirixiron ó concello e están á espera de que a alcaldesa poida falar coa delegada de Política Territorial para saber que posibilidade hai de cambia-lo proxecto. Aseguran que non permitirán que se aille á súa aldea e piden que se volva ó proxecto orixinal do viaducto e se arranxe o problema das canalizacións da auga para poder seguir traballando nas súas fincas e que o progreso duns non signifique a marxinación doutros e o fin do modo de vida de toda unha aldea.

    Redacción Salnés