Ribeira Atlántica 2030 disporá de 11 millóns de euros

RIBEIRA> Un total de once millóns de euros. Esta será o investimento inicial que terá o concello de Ribeira para o desenvolvemento do ‘Ribeira Atlántica 2030’, a través da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local, para a que xa se aprobou unha dotación de 6 millóns e medio de euros procedentes de fondos europeos. Boa parte dese total irá destinado á rexeneración do barrio de Bandaurrío.

Ribeira avanza na execución do ‘Ribeira Atlántica 2030’. A dita estratexia e as actuacións asociadas a ela son froito do proceso de planificación desenvolvido polo Concello a través da Axenda Urbana de Ribeira, elaborada no ano 2022 mediante un proceso de participación cidadá e diálogo cos distintos axentes sociais e institucionais.

O primeiro fito deste plan xa foi cumprido coa adquisición da conserveira Cerqueira, aprobada polo Pleno da Corporación en febreiro e materializada esta mesma semana coa sinatura da compra ante notario. Esta actuación, xa prevista no marco da Axenda Urbana, permitirá poñer en valor tanto o edificio como o seu entorno, comprendido entre a Residencia da Terceira Idade e o parque Pedra Pateira, configurando un novo espazo de oportunidade para o desenvolvemento urbano sostible.

Este novo Plan, ‘Ribeira Atlántica 2030’, permitiralle ó Concello sumar novos investimentos e  fondos europeos, na liña dos xa xestionados en anos anteriores, como é o caso do ‘Ribeira Atlántica 2015’, cun investimento de 7’2 millóns de euros, e o ‘Máis Ribeira Atlántica 2020’, cunha dotación económica de 6’2 de euros, que permitiron a realización de actuacións que buscar mellorar a calidade de vida da veciñanza, reforzar os servizos públicos e promover un desenvolvemento territorial equilibrado.