Portos negociará co concello as taxas pola instalación do mercadiño

    taxasportospobra_100_210907.jpgPOBRA > Isaac Maceiras reuniuse co director de Portos para tratar acordar o cobro das taxas ós vendedores do mercadiño por ocupación da zona portuaria.

    Á polémica xerada en relación ó cobro das taxas por parte de Portos de Galicia ós hostaleiros de Ribeira e Rianxo pola instalacións das súas terrazas en zona portuaria, súmase agora o anuncio do ente autonómico de cobrar un imposto ó concello da Pobra pola celebración do mercadiño ambulante.

    Dos 127 postos que cada mércores se instalan na Pobra para realizar as súas vendas, un total de 70 ubícanse en terreos pertencentes a Portos de Galicia. Ata o de agora, era o concello o encargado de cobra-las taxas ós comerciantes así como do mantemento e limpeza da zona unha vez celebrado o mercadiño.

    Entendemento

    Nada máis ter notificación da intención do cobro, o alcalde pobrés, Isaac Maceira, concertou unha cita co titualr de Portos de Galicia, Jacinto Parga. A xuntanza, celebrada este venres, caracterizouse polo bo clima de entendemento e nela acordouse a visita, durante a próxima semana, dun equipo de técnicos autonómicos, que se encargarán de delimitar a zona portuaria ocupada, que na actualidade soamente constitúe un vial.

    Unha vez realizada a valoración técnica, ambas administracións negociarán o pago dos impostos. Isaac Maceiras confía en que se realice como ata agora. O alcalde pobrés lembra que se trata dunha concesión pola que o concello aporta un canon anual.

    Ubicacións alternativas

    É a administración local a que se encarga das labores de limpeza e mantemento, polo que entende que debe seguir sendo tamén a responsable do cobro das taxas que, segundo informou Isaac Maceiras, trátase dunha contía mínima que apenas chega para sufraga-la limpeza do recinto. Por este motivo, o alcalde pobrés confía en acadar un entendemento con Portos de Galicia. De non ser así estudaríanse posibles alternativas para a ubicación do mercadiño.

    Redacción Barbanza