A Xunta só ve viable a construción dos galpóns de Escarabote no porto

    protestaveciosescarabote_100_240907.jpgBOIRO A reunión mantida polos responsables da Consellería de Pesca e Portos  coa asociación de veciños ‘Fontenova’ para tratar de achegar posturas …

    … con respecto á construción dunha nave para os mariñeiros no porto de Escarabote no tivo os resultados agardados. Continúa. polo tanto, o conflito en torno á construción das casetas para os pertrechos dos mariñeiros , solicitadas pola confraría de pescadores da Pobra á Consellería de Pesca, a demanda dos propios armadores.

    As obras de construción desta nave, con máis de catrocentos metros cadrados e con 13 departamentos independentes, xa foron adxudicadas pero aínda non se puideron inicia-los traballos debido á oposición dos veciños de Santiago de Lampón, que impediron a entrada das máquinas. A actuación está financiada con fondos europeros que se perderán se un dez or cento dos traballos non están executados ó longo deste ano.

    Co fin de achegar posturas, unha delegación da asociación de veciños Fontenova mantivo un encontro con responsables da Consellería de Pesca e o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, á que tamén asistiron o alcalde e tenente de alcalde de Boiro, Xosé Deira e Xoán Xesús Ares, e o patrón maior da Pobra, Manuel Maneiro.

    Lonxe de chegar a acordo, os responsables autonómicos reiteraron que a única opción viable é executa-la obra no zona prevista inicialmente, no Peralto, posto que as demais ubicacións alternativas estarían en terreos afectados por Costas.

    Alternativas

    Aínda así, os veciños non se dan por vencidos e estes días están a percorrer o litoral en busca de novos emprazamentos para estas naves, que proximamente lle serán remitidos tanto a Pesca como a Portos. Neste sentido, a portavoz da asociación, Lucía Pérez, insiste en que non queren perde-la subvención polo que seguirán a propoñer alternativas para o seu estudo por parte da Xunta.

    Pola contra, dende a confraría insisten en que a obra ten que realizarse no recheo portuario, para cumprir a función requerida polos mariñeiros. Así mesmo, o patrón maior pobrés aclarou que o proceso de solicitude da obra fíxose con total transparencia, polo que non entende o afán dalgúns veciños por realizar falsas acusacións confundindo á opinión pública.

    Manuel Maneiro fixo un chamamento á calma, lembrando que nos portos doutras localidades limítrofes leváronse a cabo construcións semellantes sen levantar ningún tipo de polémica. Aínda así, a diferencia de criterios entre as distintas partes afectadas semella, de momento, insalvable nun proceso no o que tempo apremia para non perde-los fondos europeos destinados a esta infraestrutura.

    Redacción Barbanza