O proceso polo crime de Diana Quer entra na derradeira fase antes do xuízo

RIBEIRA> Tal e como estaba previsto José Enrique Abuín Gey, o ‘Chicle’, non asistiu esta mañá a audiencia preliminar pola desaparición e morte de Diana Quer celebrada nos Xulgados de Ribeira. Si o fixo a súa avogada, e tamén a acusación particular. A vista de hoxe dá inicio a derradeira fase do proceso coa apertura do xuízo oral. A sección sexta da Audiencia Provincial, con sede en Santiago, será a encargada de poñer data ó xuízo, que se fará, con toda probabilidade, con xurado popular.

Numerosos medios de comunicación agardaban a primeiras horas da mañá ás portas do xulgado ao inicio da audiencia preliminar pola desaparición e morte de Diana Quer. Como xa se sabía á vista non acudiu o Chicle, o principal acusado. Si o fixo a súa avogada, María Fernanda Álvarez, designada polo turno de oficio. Na súa primeira comparecencia ante os medios, fixo unha chamada ao respecto das garantías procesais.

O avogado da familia Quer, Ricardo Pérez Lama, explicou que con esta audiencia, iniciábase a última das fases do proceso xudicial coa apertura do xuízo oral que derivará posteriormente na constitución do xurado e na elección de data para o xuízo.

Pérez Lama tamén se referiu a importancia que terá para eles o xuízo que se vai celebrar a vindeira semana en Santiago no que o Chicle deberá responder polo intento de secuestro da moza de Boiro que desencadeou a súa detención.

Precisamente ese xuízo. O do intento de rapto por parte do Chicle á moza en Boiro, en decembro de 2017, que desencadeou a súa detención pola desaparición e morte de Diana Quer, será a vindeira semana. Os días 10, 11 e 12 de abril, tamén na audiencia provincial en Santiago. O primeiro día comparecerán acusado e vítima. Esta última tras un biombo, ó terlle solicitado ó Tribunal que se preserve o seu anonimato. O segundo día daranse a coñecer as probas periciais e o terceiro será para as conclusións.

José Enrique Abuín enfróntase a un delito de agresión sexual en concurso con outro delito de detención ilegal, ámbolos dous en grao de tentativa. A Fiscalía solicita para el unha condea de 15 anos e dez meses de cárcere e unha indemnización para a vítima de máis de 15 mil euros.