Caride nega calquera ‘vinculación persoal’ na adxudicación da autovía

    caride_100240907.jpgBARBANZA > Producíase este luns a agardada comparecencia de María Xosé Caride para dar a coñece-los detalles da adxudicación da autovía do Barbanza.

    A Conselleira de Política Territorial compareceu, a petición propia, ante a Comisión Segunda do Parlamento para zanxar dunha vez por todas a polémica en relación coas ‘supostas irregularidades’ cometidas na adxudicación das obras da autovía do Barbanza.

    María Xosé Caride explicou que se respectou escrupulosamente a legalidade en toda a tramitación do expediente de contratación. Co fin de demostralo, solicitou un informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta que conclúe ‘a procedencia e pulcritude do método utilizado pola mesa de contratación, actuando sempre de forma ponderada, tentando buscar a mellor oferta’.

    Caride negou asemade calquera vencellamento persoal, familiar ou profesional de ningunha empresa relacionada coa Consellería nin coa adxudicación da autovía, respostando así ás acusacións formuladas polo grupo popular.

    Neste sentido, a concelleira explivou que a mesa de contratación fixo unha única proposta de adxudicación por unanimidade á empresa que ofertaba máis calidade polo mesmo custo. A decisión foi tomada tras encargar dous informes externos que coinciden en valorar a seguridade da porposta elixida mentres que sitúan á oferta da empresa que defende o PP na sétima posición no apartado técnico nun total de oito.

    ‘Vinculación profesional’

    Pero as explicacións de Caride non conseguiron convencer ós populares que seguen acusando á titular de obras públicas de ter contratado ‘a dedo’ a elaboración dun segundo informe das ofertas presentadas a unha empresa coa que tiña ‘vínculos profesionais’.

    Ante a insistencia nas acusacións sobre ‘presunta prevaricación’, María Xosé Caride volveu emprazar ós responsables do Partido Popular a acudir ós tribunais se teñen algún indicio de delito en lugar de dedicarse a ‘confundir, enganar, mentir e manipular con coñecemento de causa’.

    Insistiu ademais en que o seu departamento seguirá a apostar por infraestruturas segura e de calidade e non polas máis baratas.

    Redacción Barbanza