Medio Rural constata a excepcionalidade dunha uva escasa en cantidade

    CAMBADOS > Se todo se desenvolve segundo o previsto entre esta fin de semana e comezos da vindeira Rías Baixas rematará a vendima. O 90% da uva está xa en bodega e pouco preocupan as choivas prognosticadas para mañá á maior parte dos adegueiros. A colleita alónxase da excepcionalidade da do ano pasado en cantidade pero a calidade da uva foi cualificada de excelente.

    Así o constatou o delegado de Medio Rural en Ponetevedra, Gonzalo Constenla, na visita realizada ao longo do día de hoxe ás cooperativas Condes de Albarei, Vitivinícola Arousana e Martín Códax. Acompañado pola delegada de Industria, Montserrat Prado, e por outros membros do BNG, Constenla comezou o seu periplo pola adega Condes de Albarei onde constatou o que se ven anunciando dende fai días: que a vendima é moi inferior á do ano pasado pero a calidade da uva é igual de boa ou incluso superior.

    constenla_adega300_280907.jpgOs primeiros datos apuntaban que se trataría dunha colleita próxima aos 20 millóns de quilos de uva pero todo apunta a que non se acadará esa cantidade. Esa baixa, en calquera caso, non constitúe unha caída en picado. Dende Medio Rural aseguran non ter constancia de incidencia ningunha durante a vendima nin no Salnés, O Condado ou O Rosal. Si houbo denuncias, pola contra noutras zonas de vendima de uva doutras orixes, nas que interveu a Garda Civil e tomou nota dos correspondentes expedentes sancionadores.

    No relativo aos convenios homologados, Constenla incidiu en que conquerilos resultou ser todo un fito que está a xerar un efecto tranquilizador no sector. Se o prognóstico de chuvia para mañá non se cumpre finalmente, a vendima rematarase esta mesma fin de semana con toda probabilidade.

    Redacción Salnés