Sanxenxo adxudica a xestión do Centro de Día a Clece

SANXENXO> Sanxenxo acaba de adxudica-la xestión do Centro de Día da localidade a Clece. A empresa conta pequeno prazo para formaliza-los trámites. Dende o goberno local recoñecen que a concesión do centro de día demorouse máis do desexable, por mor dun erro detectado nas valoracións das ofertas detectadas.

En cuestión dun mes, o Centro de Día de Sanxenxo podería dispor dunha xestión estable, durante os vindeiros 42 meses. O concello anunciou que o proceso de adxudicación acaba de culminar, propoñendo á empresa Clece como a encargada de presta-lo servizo.

Nun almorzo informativo, a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Freire, indicou que o proceso se fixo coas máximas garantías, despois de que un erro frease a adxudicación e sementase a polémica na corporación municipal. A edil tamén anunciou varias obras de mantemento nese centro de día, despois de 15 anos en pé. Os traballos de mellora terán un custo de 150.000 euros.

Ademais, Freire aproveitou este comezo de ano para facer balance da súa xestión nos últimos 7 meses, dende que ocupa o cargo, pero tamén avanzou algúns dos proxectos que ten en mente. Un deles, mellora-lo servizo de axuda no fogar cun incremento dos horario no actual cadro de persoal ou ampliando o número de contratación. O obxectivo, segundo indica, e lograr suprimi-la actual lista de espera.

A concelleira tamén asegurou estar estudando varias mediadas para dotar de  máis recursos o Centro de Información á Muller da localidade.